![]() Anxo Angueira
FOTO: Sangiao |
Un concerto de aCadaCanto, co seu disco 'A Rosa d'Adina', serviu para pechar oficialmente, na Casa- Museo de Rosalía, o 150 aniversario de 'Cantares gallegos'. O presidente da Fundación Rosalía explicou en Radio Obradoiro que o acto foi "emocionante" no que se "xuntaron sensacións de todo un ano".
Segundo dixo, o balance é "altamente positivo" xa que o ano rosaliano tivo un "impacto extraordinario na sociedade". "Editáronse libros, discos, fixéronse congresos, exposicións... Houbo centos de actividades que chegaron a todo o poco, en centros escolares, centros sociais, os poetas recreáronse nos versos de 'Cantares gallegos, a xente do mar homenaxeou a Rosalía... Foi todo tremendamente positivo".
Angueira destacou que hai dúas semanas reabriuse a Casa-Museo de Rosalía, en Padrón, despois de que durante dous meses se acometeran obras de acondicionamento no interior e exterior do inmoble.
De cara a 2014, o escritor sinalou como principal proxecto a levar a cabo a segunda parte dos traballos, a nova musealización. "Gustaríanos modernizar os contidos do museo, contar con proxeccións audiovisuais para contar a vida e a obra de Rosalía e con elementos que nos permitan estar á altura dos tempos". Co obxectivo de conseguir financiamento, a Fundación puxo en marcha hai máis dun mes unha campaña que busca o apoio de entidades privadas. "Tentamos implicar a institucións pero tamén a empresas galegas, tamén de ámbito local. Son tempos difíciles pero penso que Rosalía é un alimento, é algo que nos nutre e que necesitamos para camiñar".