99.6 y 89.9 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Sábado, 24 de Agosto de 2019
Portada

As orquestras de verbena deron traballo en 2010 a 4.000 persoas

Xaime Fandiño falou en Radio Obradoiro de 'Do palco ao escenario', o estudo que coordinou sobre a actividade destas formacións na nosa comunidade // A Guadalupe de Rianxo foi a festa galega que contou con máis orquestras, 15 en total // As orquestras París de Noia e Panorama son as de maior caché e as máis solicitadas

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Xaime Fandiño, profesor CC. da Comunicación

SANTIAGO. RO  | 26.03.2012 
A- A+

Xoanma Porto
Actuación da Orquestra Olympus
FOTO: Xoanma Porto

Que as orquestras teñen un gran peso no ocio da nosa comunidade non é nada novo, pero sí o é que agora podemos constatalo con cifras e datos concretos. O pasado xoves presentouse 'Do palco ao escenario. Unha aproximación analítica á industria da música nas festas populares de Galicia', un estudo realizado polo grupo de investigación Canal Campus da USC. O seu coordinador, o profesor de Ciencias da Comunicación Xaime Fandiño explicou que o obxectivo é analizar o sector "desde un punto de vista social, económico e histórico". Segundo dixo "queríamos coñecer polo miúdo un sector do que ata agora non había nada escrito, só había datos aproximados, así que fixemos un gran traballo de campo xa que son moitas orquestras, un gran nñumero de festas e 315 concellos.   

Entre os datos máis significativos Fandiño destacou que as orquestras "deron traballo a 4.000 persoas e facturaron máis de 26 millóns de euros en 2010 ". Indicou que "se trata dunha cifra moi importante e hai que remarcar que son cartos que non chegan a través de subvencións, senón dos veciños. É cultura pagada con diñeiro propio, non subvencionado".

Tamén aludiu Fandiño aos factores que probablemente influirán no futuro das orquestras. "É interesante analizar como incidirá na súa actividade a fusión de concellos da que tanto se fala agora e tamén o feito de que a mocidade vaia deixando progresivamente as vilas e marche ás cidades".

No informe, que contou co apoio da Agadic,  figuran tamén datos "máis anecdóticos", como que en 2010 só houbo un concello en Galicia que non contratou ningunha orquestra, Ribeira de Piquín, en Lugo. No extremo contrario, a Guadalupe de Rianxo foi a festa que máis orquestras contratou, nada menos que 15.

O estudo tamén recolle que entre as orquestras de verbena, que en Galicia son 295 en total, as de maior caché son a París de Noia e a Panorama, sendo ademais as máis solicitadas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies