99.6 y 89.9 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Jueves, 04 de Junio de 2020
Noticia 1 de 1 Portada

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago estrea en decembro 'Brundibár', a ópera infantil do gueto de Terezín

A peza será representada en Santiago o día 17 no Teatro Principal e o día 18 no Auditorio de Galicia

ASOCIACIÓN DE AMIGOS DA ÓPERA  | 30.11.2016 
A- A+

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, estreará no mes de decembro Brundibár (O abellón), unha ópera infantil ambientada na antiga Checoslovaquia no marco da Segunda Guerra Mundial. A obra, dividida en dous actos e composta por Hans Krása (1899-1944), será interpretada o día 17 de decembro ás 20.00 horas no Teatro Principal de Santiago e o día 18 ás 17.30 horas no Auditorio Teatro Afundación de Vigo pola Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela e a Orquestra Praeludium, mobilizando así a máis de sesenta músicos no escenario.

A dirección de escena recae en Cándido Pazó, quen ademais se encargou da adaptación do texto xunto Fernando Reyes, mentres que Katerina Vlasakova e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago realizaron a tradución ao galego. As entradas para a función de Compostela xa están á venda a un prezo de 5 euros na billeteira do propio Teatro Principal. Pola súa banda, os billetes para a función en Vigo pódense adquirir a 10 euros a través da billeteira virtual de Abanca: ataquilla.com Brundibár (O abellón) é unha ópera infantil ambientada na antiga Checoslovaquia que narra a loita de dous irmáns, Aninka (Aniña) e Pepicek (Pepiño), por conseguir os cartos precisos para mercar leite e, dese xeito, axudar na recuperación da súa nai doente. Brundibar é o antagonista da peza e personifica o egoísmo, o abuso do poder e o autoritarismo fronte os valores de solidariedade, compañeirismo e a defensa da contorna afectiva encarnadas polos dous irmáns. Brundibár foi representada 55 veces en Terezín, unha antiga cidade fortaleza da actual República Checa, reconvertida durante a II Guerra Mundial nun gueto para os xudeus. Alí a reescribiu o seu compositor, Hans Krása, quen colaborou activamente na súa representación mentres estivo confinado e antes de ser deportado a Auschwitz, onde foi asasinado polo III Reich.

60 músicos no escenario Brundibár reunirá no escenario a máis de setenta músicos, ao contar coa participación da Escolanía da Catedral de Santiago e a Orquestra Praeludim. A Escolanía da Catedral, dirixida por José Luis Vázquez, é un dos coros máis antigos da cidade. Refundada no ano 2008 por iniciativa do Cabido, a Escolanía está formada por uns corenta nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos. Pola súa banda, a Orquestra Praeludium é unha formación fundada en 2014 en Compostela, dirixida por Mateo Iglesias Seoane e está conformada por seccións de vento, corda e madeira.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies