![]() |
| Portada do decálogo con recomendación sobre protección de datos FOTO: RO |
Este 28 de xaneiro celébrase o Día da Protección de Datos. Co gallo desta efeméride, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia ven de facer públicas unha serie de recomendacións na súa web, a ter en conta para evitar disgustos.
En Radio Obradoiro, o presidente do colexio explicaba que, a día de hoxe, "existen un gran descoñecemento de cales son os nosos dereitos". Fernando Suárez sinalou que, "malia que cada vez se van sabendo máis cousas, queda moito traballo que facer neste sentido".
Na súa opinión, o fundamental neste caso "é aplicar o sentido común, e non facer cousas que tampouco facemos na nosa vida cotiá, á marxe da internet". Engadiu ó respecto que "hai que evitar dar datos persoais, e se o facemos saber a quen llos damos e non dar máis dos estrictamente necesarios. Tampouco debemos facilitar o acceso a cuestións como os contrasinais". Fernando Suárez fixo fincapé ademais nas precaucións que debemos adoitar en todo o relativo ás fotografías que colgamos en internet.
¿Que pasa se descubrimos que se está a vulnerar o noso dereito á protección de datos? "O máis sinxelo é denunciar, algo que facilita a Axencia de Protección de Datos. Ademais, hai que ter en conta que os prazos son moi rápidos".
Por outra banda, Suárez pronunciouse sobre o anuncio de Twitter de que comezará a restrinxir os contidos nos países que teñen un concepto "diferente" da liberdade de expresión, o que nalgúns casos podería levar ó seu peche definitivo. Para o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, "se está indo contra o espíritu propio co que naceu internet, que era un espíritu libre que foi ademais o que levou ó éxito á rede de redes".
