Ari(t)mar Galiza e Portugal é unha iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, que celebra a súa primeira edición, e ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editada en Galiza e en Portugal, así como achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco das accións de desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.
A retirada de billetes para asistir a esta gala con actuación dos premiados é na Escola Oficial de Idiomas de Santiago (Vite), de luns a venres, de 09:00 a 20:00 horas, e no Teatro Principal de Santiago, de martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas. A entrada é libre até completar a capacidade da sala.
O certame consta de catro categorías: mellor tema musical galego e en portugués, mellor poema galego e en portugués. A escolla foi feita polo público, galego e portugués, entre 10 poemas e cancións finalistas seleccionadas polo xurado do certame.
Este evento, que será presentado polos artistas Carlos Meixide e Isabel Risco, está promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela e pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; patrocinado polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística e Concello de Santiago de Compostela e conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.
Na categoría musical, as cancións gañadoras son 'Cantiga da montaña', de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, e 'Medusa', da cantante portuguesa Capicua. No eido poético, a gañadora galega é María do Cebreiro, pola poesía 'O corazón', e o portugués José Ricardo Nunes, 'Nao sei, minha filha...'.