
Entrevista
Montse Camiña, coordinadora técnica do Centro Nacional de Genotipado
O Centro Nacional de Genotipado, que conta con dous nodos en Madrid e Santiago, inicia unha nova etapa na que fará unha aposta forte pola formación no campo do xenotipado, a internacionalización e a calidade. Este martes, en Caixón de sastre, o magacín matutino de Radio Obradoiro, a coordinadora técnica do CeGen explicaba que o obxectivo é "seguir dándolle ós investigadores as plataformas e as tecnoloxías que precisan para coñecer e diagnosticar mellor as enfermidades, e conseguir maedicamentos máis eficaces".
Segundo Montse Camiña, o centro conta "coas tecnoloxías maís avanzadas en xenética, o que nos permite darlle un servizo moi importante ós investigadores. De feito, dende 2003 acadamos un alto nivel competitivo". Dende a súa responsabilidade como coordinadora técnica do CeGen, "o que pretendemos é que eses investigadores saiban que estamos aquí, que tecnoloxías temos, e como poden utilizalas mellor no seu traballo. Asesorámolos e axudámolos en todo o proceso".
Camiña recoñece que "a crise tamén nos está a afectar. Sen embargo, o Instituto de Salud Carlos III apostou polo CeGen, e parece que estes anos imos ter o financiamento cuberto". Ten claro que "estamos na época da xenética, e non podemos quedar atrás con respecto a outros países". Para ela, traballar no Centro Nacional de Genotipado é un soño, ó igual que ter de referencia a Ángel Carracedo que "é unha marabilla, un gran profesional e unha gran persoa. A verdade é que non se lle pode pedir máis".
