A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes organiza esta semana en Frades e Trazo as dúas primeiras sesións do obradoiro “Familias e redes sociais, estamos conectados?”. Uns obradoiros gratuitos dirixidos a pais e nais para que “se familiaricen con este novo entorno que crean as Redes Sociais na Internet e coñezan as súas posibles ameazas para os seus fillos: fraudes, acceso a contidos inaxeitados, ameazas á privacidade, ciberbullying... e sobre todo para coñecer estratexias de prevención e actuación ante estas posibles actuacións”, explica Mónica González, técnico do Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes.
O obradoiro de Frades terá lugar este mércores 23 de maio, ás 14:15 horas, no IES Pontecarreira; mentres que o obradoiro de Trazo celebrarase o xoves 24 de maio, ás 19:00 horas, no salón de actos do CEIP Viaño Pequeno.
POSIBLES RISCOS
Un informe da rede EU Kids Online advirte de que, aínda que as distintas redes sociais establecen límites de idade para o seu uso, a realidade amosa que case un 40% dos menores de entre 9 e 13 anos ten o seu propio perfil nunha rede social (cando en España a idade mínima legal é de 14 anos). “Explicarémoslles aos pais que hai que poñer límites ao uso das redes sociais, tanto no tempo máximo de uso como na súa frecuencia e lugar de emprego. Ademais, darémoslles consellos para previr o uso perverso dalgunhas novas tecnoloxías como limitar o acceso a Internet a un espazo común da casa, establecer normas e regras sobre o tempo de acceso a Interner ou uso de videoxogos, incorporar no ordenador software de control parental ou ensinarlle que tipo de fotos e materiais se poden subir ou non”, adianta Mónica González.
Os pais e nais de Frades e Trazo coñecerán os posibles riscos relacionados co uso de Internet e das Redes Sociais por parte dos seus fillos. Por unha banda, figura o acceso a contidos inadecuados para o menor (violentos, pornográficos ou racistas). Ademais, tamén os advertirán de problemas derivados do posible contacto dos menores con adultos a través das redes sociais, que poden derivar en cuestións como o uso indebido dos datos persoais do menor, situacións de acoso ou de grooming (termo utilizado para describir as prácticas online de certos adultos que se gañan a confianza dun menor finxindo empatía con fins, normalmente, de satisfacción sexual).
