Entrevista
Cristina Santos, técnica da Concellería de Servizos Sociais de Malpica
Catro técnicas municipais dos concellos de Malpica de Bergantiños, Ourense, Monforte de Lemos e Soutomaior, foron as elixidas para participar na edición deste ano do programa "Vacacións con Traballo", convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As catro colaborarán durante un mes cos parceiros desta entidade.
Unha delas, Cristina Santos, técnica da Concellaría de Servizos Sociais de Malpica, falaba este venres en Radio Obradoiro de como afronta esta experiencia, "unha oportunidade única", segundo ela mesma recoñecía. Afirma que se presentou á convocatoria "por casualidade", porque un compañeiro lle falou do programa e "eu estaba buscando un xeito de colaborar no exterior. Cando o coñecín, non o pensei dúas veces".
Afirma Santos que sentiu "unha gran ledicia" cando soubo que era unha das catro seleccionadas, entre os 22 candidatos e candidatas que se presentaron a esta convocatoria. Di que lle gusta o que vai facer, "porque está relacionado co meu perfil profesional", e defínese como unha persoa "aventureira, á que lle gusta viaxar e coñecer sitios e realidades distintas".
O vindeiro 4 de xullo as seleccionadas, porque desta volta son todas mulleres, participarán na Illa de San Simón nunha xornada formativa, previa ós desprazamentos ós seus destinos que seguramente se farán unha vez pase o verán.
