
O portavoz do BNG en Santiago foi este xoves un dos convidados de Caixón de sastre, o magacín matutino de Radio Obradoiro. Antes de coller uns días de vacacións, e coincidindo co remate do curso político, Rubén Cela fixo balance da multitudinaria manifestación desenvolvida polo Bloque no Día da Patria, nun 25 de xullo que por primeira vez en moitos anos o nacionalismo celebrou por separado logo das escisións que se produciron no seo do BNG.
Para Cela, "foi un gran día para o nacionalismo galego. Levo indo á manifestación do 25 de xullo dende o ano 95 ou 96, e non recordo un ambiente tan bo coma o deste ano". Ó seu xuízo, "o nacionalismo galego encarnado no BNG ten músculo, capacidade de reacción e un prototipo de militante e simpatizante tremendamente responsable". O portavoz compostelán do BNG sinala que nestes difíciles momentos, "o Bloque é máis imprescindible que nunca".
O apoio á manifestación de Santiago "non so colmou as nosas expectativas, senón que as superou. Moita xente marchou para a casa cunha dose extra de autoestima e con moitas ganas de traballar". Tamén dixo que o feito de que a mobilización tivera tanto éxito "demostra que se teñen sobredimensionado moitas cousas", en relación ás baixas que se produciron no BNG. Cela insistiu en que o Bloque "é o único proxecto que pode ser unha alternativa a Núñez Feijóo". Engadiu que, "aínda que non vou dicir que estamos mellor que nunca, había moitos anos que non había un estado de ánimo tan positivo no BNG".
Cela tamén apuntou que "o plus de ganas de traballar no lo está a dar Núñez Feijóo". Neste sentido, criticou a súa proposta para reducir o número de parlamentarios autonómicos, "porque moita xente ve nesto un auténtico atropelo democrático". Segundo dixo, "non é unha medida de aforro, como se lle quere trasladar á cidadanía, senón unha medida ideolóxica, política e electoral". Na súa opinión, "Núñez Feijóo tense que ver moi apretado para cambiar as regras do xogo a metade do partido, e gañar no despacho o que cre que non vai gañar nas urnas. Está a facer trampas".
