99.6 y 89.9 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Viernes, 22 de Enero de 2021
Noticia 1 de 1 Portada

O IES de Brión acolle a exposición 'Isaac Díaz Pardo. Luz e compromiso'

Estará aberta ao público ata o vindeiro 15 de marzo // A mostra poderá visitarse polas mañás, de luns a venres en horario lectivo, e nas tardes dos martes de febreiro, de 16 a 20:00 horas

CONCELLO DE BRIÓN  | 04.02.2014 
A- A+

O IES de Brión acolle a exposición “Isaac Díaz Pardo. Luz e compromiso”, realizada por Maka Arca Camba e Ana Mosquera Pérez, profesoras do IES nº 1 de Ordes, para contribuír a divulgar o traballo desta figura única da cultura galega. Unha interesante mostra aberta a todos os veciños e veciñas de Brión, que poderán visitala ata o vindeiro 15 de marzo nas instalacións do instituto brionés. A mostra poderá visitarse polas mañás, de luns a venres en horario lectivo, e tamén nas tardes dos martes do mes de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas.

A exposición fai un percorrido por toda a vida e obra de Isaac Díaz Pardo, sempre impregnada por un inmenso amor e compromiso coa nosa terra. Comeza coa súa infancia e adolescencia presentando a un neno criado nos valores culturais, ideolóxicos e artísticos da República que ve como todas as súas ilusións e soños dese período escachan en xullo de 1936 co golpe militar e o drama da Guerra Civil. A partir de aí, tivo que ir facendo fronte á vida como puido pero eses anos da nenez deixaron nel unha marca indeleble que sempre alentou nel o desexo de mudar a sociedade galega. Contando coa colaboración de personalidades creadoras como a de Luís Seoane, fixo posible a proposta cultural privada máis importante e transcendental feita en Galicia despois do ano 1936.

Como recoñecemento á súa traxectoria recibiu numerosos premios e distincións pero, nos seus últimos anos, tivo que ver como a labor de toda unha vida se ven abaixo polo afán mercantilista dos seus "leais socios" que o arredan do control das empresas que el creara. A avalancha de actos de homenaxe e adhesión que seguiron a estes feitos non foron suficientes para compensalo do dano que lle fixeran algunhas das persoas nas que confiara. O 5 de xaneiro de 2012 morre Díaz Pardo deixando unha extensa obra como pintor, debuxante, deseñador de carteis, escritor, escenógrafo, deseñador, promotor de industrias e institucións culturais... pero sobre todo o exemplo da súa vida, unha auténtica torre de ética e estética.

 

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies