99.6 y 89.9 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Viernes, 27 de Noviembre de 2020
Noticia 1 de 1 Portada

Loquillo, Ocean Colour Scene e Love of Lesbian, no Compostela Rock

O festival trae quince novas propostas para o ano 2013 // Nick Lowe, Arizona Baby ou Los Coronas serán outros dos protagonistas

CONCELLO DE SANTIAGO   | 19.12.2012 
A- A+

Concello de Santiago
José Víctor Carou, director xerente do Auditorio de Galicia
FOTO: Concello de Santiago

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación do Compostela Rock para o ano 2013. Son 15 propostas musicais en diferentes lugares da cidade as que se presentaron agora e que irán aumentando ao longo do ano con novos concertos. Inaugúrase a programación do Compostela Rock 2013 con El columpio asesino, unha das bandas de moda do panorama indie español, que chega dende Pamplona á Sala Capitol o 10 de xaneiro para pechar a xira de presentación do seu disco Diamantes.Outros grupos indies españois, de ben diferentes estilos, visitarán Santiago no próximo semestre: os murcianos Scwharz (secundados polo conxunto de Valga, Músculo!) actuarán na zona C o 17 de xaneiro; un dos grandes reclamos deste ciclo, os barceloneses Love of Lesbian, chegarán o 15 de febreiro á Sala Capito, espazo que tamén acollerá as actuacións de bandas tan potentes como Arizona Baby ,o 1 de marzo, e Los Coronas, o 26 de abril.

Na programación tamén contaremos con artistas e estrelas internacionais como o inglés Nick Lowe (6 de abril) ou a banda londinense de gran predicamento nos 90 Ocean Colour Scene (20 de abril). Sen dúbida gran expectación levantará a variada selección pop e rock de históricos dos anos 80 incluídos no cartel do Compostela Rock: os escoceses XSM - ExSimple Minds (18 de xaneiro), os londinenses The Godfathers (16 de febreiro) ou un dos grandes nomes deste ciclo, Loquillo y los Trogloditas, que actuarán no Auditorio de Galicia o 19 de abril. Neste Compostela Rock haberá posibilidade de escoitar bandas inspiradas no rock máis clásico e, así, en maio actuarán Willie Nile (T. Principal, 7 de maio) e Hi Risers (Sala Capitol, 22 de maio).

E en canto aos grupos galegos, algunhas das bandas con máis proxección da nosa terra pasaron recentemente polos estudos de gravación e presentarán os seus novos traballos discográficos no Compostela Rock: os lucenses Holywater, o 23 de xaneiro na Zona C, e os composteláns Novedades Carminha, acompañados polos lucenses Disco Las Palmeras!, o 11 de abril na Sala Capitol. Ademais, o veterano Miguel Costas fará en marzo na Sala Capitol o primeiro concerto de presentación do seu novo disco.

Ademais, teremos unha nova cita co triCiclo, que celebra a súa segunda edición o 24 de xaneiro con The Oscillation, Sutja Gutiérrez e Lendrone. As próximas semanas presentaranse novos triCiclo neste 2013 dentro do Compostela Rock.

Ao longo do ano sumaranse a esta programación algunhas propostas singulares. Unha que xa se pode adiantar é a dos madrileños Marlango, que lidera Leonor Watling, que presentarán en Santiago o 13 de decembro o seu novo disco, titulado Un día extraordinario.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies