
Natural de A Illa de Arousa, Ramón Neto ven de conseguir o XVI Premio de Poesía Miguel González Garcés convocado pola Deputación da Coruña. Foi coa súa obra "As lavandas adáptanse a todo erro de navegación", que se impuxo entre os 47 álbumes de poemas procedentes de toda Galicia que concorriron ó galardón.
En Radio Obradoiro, Neto sinalaba que "é unha satisfacción que a miña obra obtivera a atención do xurado, tendo en conta ademais que del forman parte poetas moi recoñecidos en Galicia". O escritor explicou que concebiu o traballo gañador "como quen vai pasando un estropallo húmido por todo tipo de superficies, escúrreo e de aí van saíndo os textos". Poemas, engadía, "sen ningún tipo de selección temática, xa que hai neles referencias históricas, poemas de amor, de corte erótica e mesmo de crítica ó sistema capitalista". Dous anos investiu Neto na elaboración deste poemario, que "mesmo implicou para a elaboración dalgún dos textos un traballo de investigación, de procura de información".
O poeta é licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago, cun último ano de estudos na Universidade Libre de Bruxelas, cidade na que vive e na que exerce a docencia. Leva alí preto de 14 anos e, segundo dicía, "non escollín a cidade, máis ben me escolleu ela a min". A súa paixón pola poesía ven da súa etapa de adolescente, "por algún tipo de inconformismo".
O feito de ter gañado este premio da Deputación, dotado con 6.000 euros, suporá a edición do poemario. El mesmo recoñecía que o máis importante é precisamente "ter a seguridade de que o libro vai ser publicado". Malia que cre que "unha obra non debería precisar dun concurso para ser apreciada, sostén que "é inevitable nun sistema literario".
