![]() |
A plataforma "Galicia con Garzón", da que forman parte, entre outros, UGT e CCOO, a Fundación Luis Tilve, a Asociación Érguete, o Foro Galego da Inmigración e o Seminario Galego de Educación para a Paz, convocou un acto cívico para este mércores, ás oito, no Teatro Principal de Pontevedra. Nel expresarán o seu apoio a Baltasar Garzón, que esta semana senta por segunda vez no banco dos acusados, desta volta por declararse competente para investigar os crimes do franquismo, e logo dunha denuncia interposta por Manos Limpias.
Este mércores, en Radio Obradoiro, o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz definía este xuízo como "insólito, vergoñento e escandaloso, e non porque o diga eu senón as máis prestixiosas institucións internacionais como Human Right Watch ou Amnistía Internacional. O propio fiscal do xuízo o dixo claramente: non viu cousa semellante en 36 anos". En opinión de Manuel Dios, estes procesos ós que se enfronta Garzón "responden a unha cacería que se produce diante dos nosos ollos".
A respecto do que podería pasar nos tres xuízos ós que lles ten que facer fronte o maxistrado _as escoitas da Gürtel, os crimes do franquismo e o cobro duns cursos impartidos en EEUU_, Manuel Dios recoñece ser "escéptico". Segundo dixo, "todo está perfectamente trillado para que un dos tres xuízos consecutivos poida fructificar. A intencionalidade está clara: apartar a Garzón da carreira xudicial e da Audiencia Nacional".
O presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz tamén ten claras as razóns. Apuntou que "Garzón non casa con ninguén e pisa os callos que teña que pisar na defensa da legalidade. Ademais tan capacidade para deixar en evidencia a outros colegas que se caracterizan pola parálise ou por mirar para outro lado. Non hai que esquecer por outra banda que foi o primeiro en renirse coas nais galegas que loitaban contra o narcotráfico, e cos familiares das víctimas do franquismo. Por todo isto ten moitos amigos, pero tamén moitos inimigos". Para Manuel Dios, o que está a ocorrer "demostra que a man do franquismo é longuísima".
O acto cívico convocado en Pontevedra estará presentado pola xornalista Tareixa Navaza, e contará con representantes do mundo da cultura como Marilar Aleixandre, Aurora Marco ou Fernando Filgueira. Ademais intervirán o excomisario Enrique León, Carmen Avendaño e o fiscal José María Mena.
