Entrevista
Xosé Pereira, vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC
A Universidade de Santiago "valora o esforzo da administración autonómica" no novo plan de financiamento das universidades galegas, que medra na súa aportación un 17,3% para o periodo 2016-2020. Nunha entrevista este venres en Radio Obradoiro, o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC incidía en que "todo o que signifique un aumento é unha boa noticia". Ten claro Xosé Pereira que "cada euro que a sociedade inviste na universidade ten que ter unha explicación clara". Ó seu xuízo, "polo que temos que preocuparnos agora é pola eficiencia e a calidade". Insiste en que para a institución académica compostelá un bo reparto dos fondos sería a aquel que estivera "fundamentado nos resultados". No novo plan, estes teñen un peso do 33%. Pereira recoñecía que "nós aspirabamos a un 50% e incluso máis". Pide o vicerreitor que unha vez se supere a crise económica, se tomen medidas para que a universidade non se volva ver nunha situación como a que está a padecer.