99.6 y 89.9 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Domingo, 20 de Octubre de 2019
Portada

"Non dubidaría en volver a entrar nun ensaio clínico"

Teresa Conde, da Asociación de Artrite de Santiago, falou en Radio Obradoiro da súa experiencia na investigación clínica // Diagnosticada de artrite reumatoide, explicou que a primeira vez o tratamento non lle funcionou, malia que "a outros enfermos sí lle daba resultado, e de feito ese medicamento comercialízase hoxe en día"

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Teresa Conde, Asociación de Artrite de Santiago


SANTIAGO. RO  | 13.12.2013 
A- A+

A investigación clínica é, segundo os expertos, un dos piares clave para o avance da medicina, e un paso ineludible para que unha terapia chegue a estar dispoñible de forma segura para a poboación. Loxicamente, a colaboración desinteresada dos enfermos é crucial.

A Teresa Conde, membro da xunta directiva da Asociación de Artrite de Santiago, foille diagnosticada hai 12 anos de artrite reumatoide, unha enfermidade dexenerativa, crónica e, polo momento, sen cura. Pouco tempo despois do diagnóstico, "o reumatólogo comentoume a posibilidade de probar un medicamento novo no que se estaba traballando, que puidera controlar a miña enfermidade". Recoñecía nun entrevista este venres en Radio Obradoiro, que tivo as súas dúbidas ó respeto porque, dicía, "vas probar unha medicación que non está aprobada aínda, e que ten uns determinados efectos secundarios. Sen embargo, para min, era peor o avance da enfermidade".

Aclarou Teresa Conde que o feito de que sexa un tratamento aínda non comercializado, non significa en absoluto que non pasara "por uns controis moi estritos, senón todo o contrario". Tamén dixo que o enfermo pode sairse do ensaio no momento que desexe se non obtén os resultados agardados. Ela, sinalou, foi "informada antes de comezar, e aclaráronme tódalas consultas e as dúbidas que tiña. O investigador está a disposición do paciente".

A ela esa primeira incursión na investigación clínica non lle funcionou, se ben "hoxe en día ese medicamento, xa aprobado, sí funciona en moitos pacientes". Consciente da importancia de participar nela, chegou a repetir noutras dúas ocasións, e asegura que "se o tratamento que teño na actualidade deixara de funcionar, non dubidaría en volver a entrar noutro ensaio clínico". Grazas a eles, concluiu, "na actualidade hai moitas medicacións novas, como os medicamentos biolóxicos, que axudan a controlar unha enfermidade como a artrite reumatoide".

Síguenos en twitter e facebook 

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies