![]() Eduardo Valiña
FOTO: Javier Rosende |
Este venres celébrase o Día Internacional dos Museos. Por este motivo, catro museos de Compostela quixeron unirse para coordinar unha completa programación coa que conmemorar esta efeméride. A Fundación Granell, O CGAC, o Museo das Peregrinacións e o Museo do Pobo Galego permitirán aos seus visitantes desfrutar ata o 25 de maio de visitas especiais, contacontos e unha completa programación nocturna. Eduardo Valiña, técnico de actividades culturais da Fundación Granell, explicou en Radio Obradoiro que "este venres será un día significativo porque temos as portas abertas. O público non terá que pagar ningún tipo de entrada". Ademais destacou que nas visitas "o público poderá percorrer os museos e achegarse a zonas que normalmente son inaccesibles como os arquivos e almacéns". "Este é o noso día, a nosa festa polo que se podera desfrutar de música xa entrando na noite. É unha boa maneira de descubrir estes espazos desde unha perspectiva diferente e novidosa".
Segundo explicou os catro espazos de Santiago decidiron "unir esforzos" porque "pensamos que era convinte, dada a complicada situación actual, que fixéramos xuntos unha rede de actividades de maneira que o visitante poidera facer un circuito polos catro museos".
Sobre os retos que afrontan neste contexto de crise, Valiña dixo que "o principal desafío dos museos é facer máis con menos. Temos que reinventarnos e dar con outras opcións".
Valiña deu finalmente varias recomendacións para desfrutar nos vindeiros días nos catro museos. No Museo das Peregrinacións salientou as visitas guiadas para escolares o 25 de maio, o concerto 'Ensemble, vertixe sonora' que hoxe acolle o CGAC ás 22.45 horas, a actividade 'Andel libre de libros' no Museo do Pobo Galego, na que o visitante poderá levarse publicacións deste espazo e por último na Granell, destacou a mostra 'Nenos, obxectos, bestas e mestres' protagonizada por alumnos do CEIP A Barquiña de Noia.