O portavoz do BNG en Santiago visitou este mércores os estudos de Radio Obradoiro. Rubén Cela referiuse á nova publicada por El Correo Gallego, segundo a cal o goberno municipal vai modificar a regulación da ORA no contorno da Praza de Abastos. O tempo de estacionamento máximo será de 60 minutos, e non se poderá aparcar o coche na mesma zona durante máis tempo, incluso se o cambiamos de lugar.
Segundo Rubén Cela, "estamos ante un tema complicado, e non vou facer demagoxia con el. Aínda que a intencionalidade é mellorar a rotación de vehículos, preocúpame que haxa usuarios que ante esa limitación nin sequera intenten estacionar na rúa, e vaian directamente ós parquins privados. Ademais, tratándose dunha zona tan sensible, penso que lle podería xerar problemas ós propios comerciantes". Para o concelleiro nacionalista, sería preciso que Raxoi habilitara aparcadoiros "en lugares nos que realmente se precisen, e non en sitios onde non hai demanda".
Por outra banda, Cela volveu falar da ordenanza de ocupación da vía pública, en contra da que votou o seu grupo no pleno da semana pasada. Aínda que se mostrou disposto a dialogar, sinalou que o apoio do BNG "requeriría un cambio de fondo. Os problemas que lle vemos non son formais nin se refiren a aspectos puntuais". Na súa opinión, a ordenanza, tal e como está, "afecta a principios como a liberdade de expresión. Temos a impresión de que hai unha regulación para dificultar que determinados colectivos sociais se expresen". A día de hoxe, engadiu, a ordenanza "está nas antípodas do que nos poderiamos aprobar".
O concelleiro nacionalista tamén analizou os datos do paro relativos a maio, que se coñecían este martes e que reflicten que durante ese mes encontraron traballo en Galicia 1.036 persoas, 203 delas en Compostela. O descenso na comunidade é do 0,37 por cento, fronte ó 0,63 por cento da media estatal. Para Cela, "os datos son malos. Se lles quitamos a variable da estacionalidade, o desemprego sigue subindo en Santiago. É certo que diminuiu en maio en 203 persoas, pero é unha caída inferior a do mesmo mes de anos anteriores". A situación, sinalou, "non é sostible no tempo se non se cambian moitas cousas". Cela sostén que o goberno local pode facer máis do que fai para mellorar a situación, e confía en que os presupostos municipais de 2012 "teñan en conta que só con políticas de recortes non se crea un só posto de traballo".
