FOTO: RO
Este sábado falaremos de poesía e ourivería no Sombreiro. Teremos con nós a Rafael Quintía Pereira, antropólogo, licenciado en Ciencias Empresariais, escritor e músico tradicional, membro fundador da asociación cultural e formación de música tradicional "Os Chichisos". Rafael é asimesmo Presidente e membro fundador da SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) que edita o seu propio Anuario, Fol de Veleno, cuxo terceiro número presentaremos no Sombreiro en breves datas. Autor de ensaios, coautor de documentais, para os que compuxo igualmente música, no medio de toda esta grande actividade cultural Rafael ven de publicar un poemario que presentamos hoxe no Sombreiro "Á sombra de Bouza Panda. Poemario de trincheira e maldizer", publicado por El Taller del Poeta. Da súa xénese e contidos falaranos Rafa nesta poética mañá de sábado. Se queredes seguir a actividade cultural de Rafael atoparédela no seu blog: http://asombradebouzapanda.wordpress.com/
Unimos artes, das verbas pasamos as artes da ourivería, das mans de Susi Gesto, ourive pertencente a un gremio profundamente enraizado na historia de Galicia e máis de Compostela. Neta e filla de ourives, Susi defende o traballo artesanal, feito coas mans, de xeito tradicional, como se ven facendo ao longo de centos de anos sen ter perdido a súa esencia. Susi auna tradición con innovación, ten diversas colaboracións, representacións e mostras en directo, exposicións, e dirixe e forma en obradoiros na súa arte da ourivería. Nesta ocasión publica tamén no Anuario que dirixe Rafa Quintía un artigo sobre ourivería cuxa lectura recomendamos.
Seguindo na liña poética, a nosa colaboradora Carol Bret, leranos un texto da súa autoría, que nos fala de algo tan precioso nos nosos días como a ilusión. Grazas a Carol polas súas verbas poéticas ilusionadoras.
Pola súa banda, Manuel Fernández da Concellaría de Xuventude e o escritor Guillerme Coen achegarannos as novas editoriais e culturais da nosa cidade respectivamente.
Parabéns a Rafael Quintía e a Susi Gesto pola súa laboura, terémolos de novo no Sombreiro nun breve tempo.
Feliz fin de semana a todos! Agardámosvos en Radio Obradoiro e no Facebook!