A portavoz do goberno compostelán, e concelleira de Benestar Social, Familia, Muller e Emprego, foi este venres unha das convidadas de Caixón de sastre, o magacín matutino de Radio Obradoiro. Paula Prado respostou ás críticas de PSOE e BNG polo retraso na presentación da liquidación de 2011. Para a oposición, o PP adiou eses datos, que reflicten un superávit de máis de 6 millóns de euros, para poder xustificar os recortes que vai aplicar e a subscripción ó plan de axuste do Goberno central para o pago a proveedores.
Paula Prado negou estes extremos, e dixo que "en ningún caso este goberno oculta información". Engadiu que se non se presentou antes "foi porque se estaban facendo os orzamentos, e queriamos presentar as dúas cousas xuntas". Na súa opinión, PSOE e BNG "están molestos porque non foron quen de facer unha política austera como a que está aplicando o PP", ó que atribuiu o resultado positivo desa liquidación. En calquera caso, dixo, "que haxa superávit non quere dicir que o concello estea ben".
A concelleira lembrou que "cando chegamos ó goberno había unha débeda de 70 millóns de euros. Estamos a pagar diariamente 28.000 euros para saldar as débedas contraídas cos bancos. Ademais, eses 6 millóns de superávit non son suficientes para afrontar a débeda de 20 millóns de euros no pago ós proveedores, herdada por nós e que o PSOE segue sen recoñecer". Tamén apuntou que dos "70 millóns que se debían, agora estamos en 63, o que demostra que o PP está facendo ben as cousas".
Prado negou por outra banda que o incremento da partida destinada ós colectivos que traballan cos máis necesitados, como Cáritas, Proxecto Home, a Cociña Económica e o albergue de Xoán XXIII, fora detraído do capítulo de actividades de Benestar Social, como sinalan dende a oposición. A concelleira, para quen "Sánchez Bugallo e Cela se facían trampas ó solitario", explicou que "o que fixen foi quitar da partida de actividades o que corresponde a gastos de reparación e mantemento, que antes estaba incluído. Outra cantidade foi para actividades da nova Concellaría de Familia". Prado pediulle a PSOE e BNG "que non fagan política con este tema, tendo en conta as circunstancias actuais". Segundo a edil, o concello "non está delegando nada, senón asumindo a realidade que hai en Santiago. A administración non pode monopolizar a prestación de servizos sociais". Tamén sinalou que "facemos unha política de cara ás persoas, e non de cara ó ladrillo. Cambiamos os ladrillos polas persoas". Destacou neste sentido a inclusión nas contas dunha partida de 100.000 euros para axudar ós parados de longa duración a pagar o IBI.
Á marxe das contas, Prado avanzou que na Xunta de Portavoces celebrada este venres, o executivo compostelán propuxo concederlle a medalla de ouro de Santiago "a José Precedo Lafuente, a título póstumo, e o doutor Manuel Sánchez Salorio". Doutra banda, confirmou que finalmente será a empresa GPD a encargada dos Fogos do Apóstolo deste ano. A firma é a responsable do exitoso espectáculo de 2011.
