
A caravana 'Vilamor' chegou esta semana a Compostela. O equipo do filme de Ignacio Vilar recala agora na capital galega para presentar ante asociacións, centros educativos e medios de comunicación esta historia baseada en feitos reais sobre unha comuna hippie que chega nos 70 a unha vila d'A Fonsagrada.
O director da fita e os seus actores principais, Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez destacaron en Radio Obradoiro que a rodaxe da película, a mercede da meteoroloxía e en localizacións de Os Ancares, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, supuxo unha gran experiencia para o equipo. "Facer unha historia no lugar onde aconteceu transmite unha enerxía moi especial", explicou Yáñez.
O equipo de 'Vilamor' dixo en Radio Obradoiro que a promoción da fita, está sendo máis intensa incluso que a rodaxe. Vilar destacou que o filme "estreouse con éxito en todas as vilas e cidades galegas" e engadiu que "a película estalle chegando á xente de diferentes xeracións". Nesa frenética fase promocional houbo tempo para visitar o Festival de Cans e o de Cannes. Sobre este último, Ignacio Vilar dixo que "abrimos un camiño moi importante para a venda internacional da película. De feito podemos adiantar que é posible que o filme se estree en varios estados de Estados Unidos".
Este mércores o equipo visita a Escola Mestre Mateo, o Centro Sociocultural de Vite e o IES Rosalía de Castro, o instituto no que estudou a santiaguesa Sabela Arán.
