
O portavoz do BNG en Raxoi falou este mércores do resultado da liquidación do Concello de Santiago correspondente a 2011, que reflicte un superávit de máis de 6 millóns de euros. Segundo Rubén Cela, con este resultado "a alguén lle deberían saltar as cores". Ó seu xuízo, "o PP fixo súa a máxima de que a realidade non me estropee un bo titular, e ese titular era "Herdamos un concello en bancarrota". Agora demóstrase que non foi así".
O concelleiro sinalou que "a foto finish" de Santiago a 31 de decembro de 2011 reflicte "un superávit de máis de 6 millóns de euros, a redución en máis dun millón do remanente negativo de tesourería, e o cumprimento do plan económico-financieiro". Todo isto, engadiu, "amosa unha realidade que dista moito da imaxe deturpada que nos deu o PP". Na súa opinión, o que pretendía o goberno de Ángel Currás era "xustificar a súa incapacidade e inacción, e tamén os seus futuros recortes". Para o portavoz nacionalista, "en base a esa imaxe deturpada, o PP xustificou a toma dunha serie de medidas que nos consideramos inxustas e que esta liquidación demostra innecesarias".
Rubén Cela cualificou de "inxustificable" que a concelleira de Presupostos, Cecilia Sierra, atribuira en Radio Obradoiro os bos datos da liquidación ó traballo feito polo PP dende que chegou ó goberno. Lembrou neste sentido que "ocultou este resultado que debería estar aprobado por lei o pasado 1 de marzo e que o executivo tiña dende abril, e ademais entregounos a documentación a semana pasada". Para o edil, "o PP retrátase a si mesmo. Ademais, non entende que unha mentira contada mil veces, non se convirte en realidade".
Por outra banda, o concelleiro referiuse ó endurecemento da ORA na zona monumental. Malia que asegura "entender que o espíritu que o impulsa non está mal enfocado _a rotación de vehículos_, podería converterse nun elemento negativo porque á xente podería non chegarlle unha hora para facer a compra na Praza de Abastos. Consecuentemente, podería atoparse cunha multa e optar por facer as compras nunha superficie comercial e non no mercado".
O edil nacionalista tamén falou da reunión que mantivo hai uns días o alcalde, Ángel Currás, cos representantes da Plataforma en defensa do mercado de Amio. Cela valorou "a rectificación" do rexedor a respecto do hipotético traslado da feira a Silleda, sinalando que "unha vez garantida a continuidade en Santiago, todo o demais _melloras do recinto, plan de usos ou taxas_ é falable".
Por último, defendeu a iniciativa do seu grupo para que o Concello de Santiago lle renda homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, unha persoa "comprometida coa cultura e a identidade deste país". Pediu neste sentido que o executivo local se adiante á programación que poida deseñar a Xunta.
