Para o executivo de Luis Oujo recuperar o Castro de Baroña "foi o noso obxectivo número 1 dende que entramos no concello". Lembraba este luns, nunha entrevista en Radio Obradoiro, que estamos a falar "dunha xoia que estaba moi descoidada e que precisaba dunha invervención".
Polo momento levan investidos, entre concello, Xunta e Deputación, "máis de 160.000 euros, empregados en darlle un sentido ó propio Castro de Baroña, consolidar os muros e a entrada, restaurar o foxo, delimitar o camiño de paso para os visitantes e consolidar as propias casas". A institución provincial confirmaba hai uns días unha nova achega de 30.000 euros, que permitirá seguir adiante co plan de conservación arqueolóxica, se ben "fará falla máis investimento para rematalo".
O máis inmediato, explicaba Oujo, será "consolidar a muralla que hai entrando no castro á dereita, e facer un acceso para os minusválidos". Ó mesmo tempo, o executivo local segue traballando para evitar os actos vandálicos que se suceden cada verán.