99.6 y 89.9 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Lunes, 11 de Noviembre de 2019
Portada

O sector cultural galego reivindícase, con ausencias, nos Premios da Cultura no Gaiás

Os galardóns foron para María Bouzas, Fina Casalderrey, Kathleen March, Miguelanxo Prado, Ignacio Vilar, Coro Toxos e e Froles, Federación Galega da Cultura Marítima e a CGENDL // A gala estivo marcada pola ausencia de Fina Casalderrey e a renuncia da Coordinadora de Equipos de Normalización

gaFoto de familia dos galardoados, galardoadas e autoridades, onte tras a entrega dos Premios da Cultura Galega no Gaiás
gaFoto de familia dos galardoados, galardoadas e autoridades, onte tras a entrega dos Premios da Cultura Galega no Gaiás

SANTIAGO E.P.  | 22.12.2015 
A- A+

O Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acolleu este luns a entrega dos Premios da Cultura Galega 2015, unha gala que estivo marcada polas ausencias e na que os artistas reivindicaron os "sinais de identidade" de Galicia e pediron aos poderes públicos máis apoio ao sector e ao idioma galego. 

Aínda que a Xunta concedeu, como é tradicional, oito Premios da Cultura Galega, finalmente só foron entregados sete, despois de que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Ling~ística rexeitase o galardón alegando que sería "incoherente" recibilo de mans dun goberno que "ignorou" as súas demandas. 

A gala tampouco asistiu Fina Casalderrey, Premio da Cultura Galega das Letras, aínda que por motivos persoais, e foi unha persoa delegada a que colleu o seu galardón e leu o seu discurso. 

Neste texto, Fina Casalderrey agradeceu a concesión do premio e reivindicou o carácter esencial do galego na súa literatura para asegurar que "o triunfo está en avanzar sen que ninguén teña que entregar a súa derrota". "En galego podemos transitar por camiños diversos e expresar saberes diferentes", escribiu a premiada, que puxo o idioma como "patrimonio universal dos galegos" e pediu á Xunta que "meta un pouco máis á présa" ao "conciliador" Plan Xeral de Normalización. 

Tamén a gañadora do Premio de Artes Escénicas, a actriz María Bouzas, aproveitou a súa intervención para denunciar a situación na que se atopa o sector. En particular, Bouzas lamentou que nos últimos cinco anos non puidera traballar en Galicia --aínda que si desenvolve o seu labor profesional en Madrid--. 

"Ao longo destes cinco anos vin como compañeiros meus tiveron que pechar compañías de teatro e subsistir malamente", apuntou María Bouzas, que reclamou "a quen vaia gobernar" que "baixe o IVE cultural", porque "os artistas tamén pagamos recibos".

"A XENTE E O IDIOMA" 

O Premio da Cultura Galega de Audiovisual 2015, o cineasta Ignacio Vilar, subiu ao escenario do Museo Centro Gaiás para reivindicar as posibilidades do cinema para "manter vivo o imaxinario do pobo galego" e a súa tradición oral. 

Do mesmo xeito, presentouse como un "neno de aldea", a imaxe do Balbino de 'Memorias dun neno labrego', e eloxiou como estes "campesiños" puideron "conservar o galego" a través de séculos de escuridade". "Galicia somos nós, a xente e o idioma", dixo, citando versos de Manuel María. 

O debuxante Miguelanxo Prado, que recibiu o premio de Artes Plásticas, animou a sociedade a "seguir escollendo socialmente os sinais de identidade que serven de adhesivo" para convertelas en "riqueza social". "Non é un premio individual, é un recoñecemento colectivo", apuntou o artista. 

Directamente á responsabilidade de organismos e administracións públicas apelou o Coro Toxos e Froles, Premio de Música 2015, que fixo un "chamamento" para "conservar e difundir" o patrimonio cultural que esta entidade "atesoura".

EMBARCACIONS TRADICIONAIS 

Unha das intervencións máis extensas foi a da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial 'Culturmar' que, tras recoller o seu premio polo seu labor no ámbito do Patrimonio, dixo ás administracións alí representadas que "a flota tradicional galega espera ansiosa o seu recoñecemento como ben patrimonial". 

A entidade reivindicou o seu labor de recuperación de elementos tradicionais relacionados coa cultura marítima e fluvial en Galicia, entre elas 300 embarcacións tradicionais, e pediu un "marco propicio para a posta en valor destes bens". "O seu destino non pode ser a morte nas rotondas, senón a vida nos portos", dixeron. 

Este luns entregouse tamén o premio de Proxección Exterior á investigadora norteamericana Kathleen Nora March, polo seu "labor pioneiro" na difusión da cultura e a literatura galegas en Estados Unidos. Nunha intervención en galego que concluíu con versos en inglés de Marica Campo, March reivindicou o seu amor pola "forza" da cultura e da literatura galegas. 

Durante o acto, ao que asistiron numerosas personalidades do mundo político e cultural, recordouse a figura do homenaxeado en 2015 no Día das Letras Galegas, Xosé Filgueira Valverde. Os presentes gozaron das actuacións de De Vacas, Xavier Díaz e Adufeiras de Salitre, o Coro Jovel da Orquesta Sinfónica e o ballet Norte-Centro Coreográfico Galego.

UNHA CULTURA QUE "UNE" 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de pechar o acto cun discurso no que asegurou que Galicia "fálalle ao mundo mediante a súa cultura e escoita ao mundo" a través dela. "Galicia está unida pola súa cultura", apuntou o conselleiro, que recordou a figura do recentemente falecido Xosé Neira Vilas. 

Do mesmo xeito, Román Rodríguez explicou que os galegos "son como son" porque naceron nunha cultura "feita de pontes" que "inspiran receo sobre os que tratan de destruilos". "Galicia non quere ser unha illa, e vive nun mundo convulso que pode levarnos á errónea conclusión de que todo procede dun choque de culturas incapaces de convivir e destinadas a un do dramático. Pero a cultura nunca enfronta", resolveu.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies