102.1 Santiago  |  100.7 A Coruña-Ferrol  |  95.0 Salnés - Barbanza  FM  ·  310 R-Cable  ·  21 TDT

Miércoles, 19 de Junio de 2013

Noticia 1 de 1 Portada

Teo pide unha solución á Xunta ante a necesidade de obras nos colexios

O goberno local sostén que todos os centros de infantil e de primaria precisan importantes reformas estruturais, demandadas a Educación en numerosas ocasións // O concello leva investido máis de 500.000 euros nos últimos anos en actuacións que exceden as súas competencias

CONCELLO DE TEO  | 11.07.2012 
A- A+

O goberno municipal de Teo acaba de solicitarlle por escrito unha reunión urxente ao xefe territorial da Consellería de Educación para que o goberno autonómico ofreza e comprometa solucións á necesidade de obras de reforma estrutural nos centros educativos de infantil e primaria do municipio. Trátase de melloras que o Concello e as comunidades educativas dos distintos centros, así como o Consello Escolar Municipal, levan solicitado en reiteradas ocasións, sen que a Xunta os atendese.

 

De feito, a solicitude de entrevista que formulan o alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Educación, María Álvarez Garea, fai referencia ao informe anual que cada fin de curso debe elaborar o Consello Escolar Municipal. O documento, confeccionado con achegas dos centros, recolle a imperiosa petición de obras por parte de todos eles: o CEIP A Igrexa-Calo, o CEIP A Ramallosa, o CEIP Os Tilos e o CRA de Teo. En todos os casos son actuacións de reforma ou ampliación, que ten atribuídas a Consellería e que exceden as competencias do Concello, circunscritas á conservación e mantemento dos centros públicos de infantil e primaria que sexan de titularidade municipal.

 

O informe, aprobado na reunión do Consello Escolar Municipal o pasado 27 de xuño, sinala ademais que os tres CEIP de Teo presentan problemas de saturación polo elevado índice de matrícula. Todos os espazos presentan unha "ocupación total", o que dificulta a necesaria creación de novas unidades. No caso do CEIP A Igrexa-Calo lembran que está pendente de construír un novo edificio para aulas de educación infantil, que debería entrar en funcionamento no vindeiro curso pero que en cambio non está nin licitado, pese aos distintos e sucesivos requerimentos por parte do Concello, da ANPA e do propio centro.

COMPROMISO INCUMPRIDO

O último encontro entre o Concello e a Consellería foi a reunión que mantiveron, o 29 de agosto de 2011, os responsables do goberno local coa anterior xefa territorial de Educación para que coñecese de primeira man as necesidades dos centros escolares do municipio. Naquel entón, achegáronlle diversos informes nos que se describían tanto os problemas de falta de espazo como a necesidade de renovar as instalacións de carpintería, calefacción ou fontanería, debido á antigüidade dos centros escolares.

 

A entón xefa territorial comprometeuse naquel encontro a efectuar unha valoración do estado dos tres CEIP e intervir no que máis necesidade presentase antes de que rematase o ano 2011. Sen embargo, o Concello non tivo máis noticias da Consellería desde entón.

INVESTIMENTOS MUNICIPAIS DE MÁIS DE 500.000 EUROS

Esta actitude da Xunta contrasta co importante esforzo investidor nos centros educativos que o Concello efectuou nos últimos anos, excedendo con moito as obrigas que marca a lei. Así, entre 2010 e 2011, con fondos propios ou provintes de plans estatais, destinou case 501.979,47 euros ao arranxo da escola da Casalonga, á reforma e instalación de parques infantís, e a obras de consolidación, mantemento e reforma nos colexios de Calo, da Ramallosa e dos Tilos, e no CRA. Nese mesmo periodo de tempo a Consellería de Educación non levou a cabo ningún tipo de obra ou reforma en Teo.

 

O deterioro ao que están sometidos os centros fai que ademais o Concello teña que incrementar ano tras ano os recursos que destina a reparacións continuas de fontanería, calefacción, electricidade e carpintería nos edificios educativos. Así, no que levamos de ano 2012, a maiores dos arranxos acometidos con recursos propios e coa brigada municipal de obras, o Concello leva investido en obras contratadas a outras empresas máis de 11.000 euros. Iso sen contar que as maiores actuacións nos centros estanse empezando a realizar nestes momentos coincidindo coas vacacións de verán.

 

MOCIÓN NO VINDEIRO PLENO

Ademais da solicitude de reunión urxente co xefe territorial de Educación para procurar a implicación da Xunta con este problema, o goberno municipal trasladaralle á corporación municipal, na vindeira sesión plenaria, unha proposta para instar á Xunta a que acometa as obras de reforma e mellora solicitadas en reiteradas ocasións polas comunidades educativas respectivas. O grupo de goberno agarda fixar así un posicionamento institucional que secunde as demandas expresadas polo propio Consello Escolar Municipal.

Ademais da solicitude de reunión urxente co xefe territorial de Educación para procurar a implicación da Xunta con este problema, o goberno municipal trasladaralle á corporación municipal, na vindeira sesión plenaria, unha proposta para instar á Xunta a que acometa as obras de reforma e mellora solicitadas en reiteradas ocasións polas comunidades educativas respectivas. O grupo de goberno agarda fixar así un posicionamento institucional que secunde as demandas expresadas polo propio Consello Escolar Municipal.

 

 

 

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.radioobradoiro.com no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de Radio Obradoiro envíe un
e-mail a info@radioobradoiro.com. Titularidad
y política de privacidad