99.6 y 89.9 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Sábado, 23 de Marzo de 2019
Portada

PILAR PEREIRA EN RADIO OBRADOIRO

"Tiven a sorte de traballar con xente moi creativa e con ganas de rebelarse"

A actriz compostelá será homenaxeada na entrega dos galardóns María Casares, o 27 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña // A Asociación de Actores e Actrices de Galicia recoñece a extensa carreira da intérprete

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Pilar Pereira, actriz


SANTIAGO. RO  | 08.03.2013 
A- A+

Premios María Casares
A actriz Pilar Pereira
FOTO: Premios María Casares

Pilar Pereira recibirá o Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o próximo 27 de marzo durante a cerimonia dos Premios María Casares. Con esta distinción, o gremio recoñece a longa traxectoria profesional dunha intérprete que, ao longo de sesenta anos, traballou sobre os escenarios de Galicia, España, Francia, Bélxica e América Latina.

Pereira explicou en Radio Obradoiro que cando recibiu a noticia deste recoñecemento "desencadenáronse todas as emocións". "Fun moi amiga de Marisa Soto e non esperaba este premio. Foi unha emoción moi grande".

A actriz, nacida en 1937, desenvolveu o seu traballo en teatro, cine e televisión, pero os seus primeiros pasos foron no medio radiofónico. "Comecei con 14 anos en Radio Galicia Cadena Ser, en Compostela. Pode parecer que non, pero a radio ten moito que ver coa actuación". E así, pouco despois deu o salto aos escenarios.  "Aquí en Santiago existiu un teatro con moitísimos seguidores. O Teatro Principal enchíase e tiven a sorte de traballar con xente moi creativa, con ganas de rebelarse e de facer moitas cousas".  E precisamente a creatividade e as ganas de rebelarse son "as armas" para combater o difícil momento actual da profesión. "É espantoso. Están desaparecendo as compañías clásicas de Galicia. É unha situación moi dura da que hai que saír".

Preguntada sobre cales son as cousas das que se sinte máis orgullosa da súa traxectoria, Pereira teno claro. "O mellor que fixen foi ter ás miñas fillas. Antes, Camila era a filla de Pilar Pereira e agora eu son a nai de Camila Bossa, o cal non está nada mal".

A actriz, di, segue con folgos para traballar. "Os actores nunca nos xubilamos. Quero seguir facendo cousas. Hai unha proposta da TVG e agora penso nun espectáculo no que poida contar historias, pero tería que ser algo atrevido e moderno".

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies