![]() Cartel de TOKIO3
FOTO: Voadora |
Voadora leva ao Teatro Principal este venres e sábado o seu último espectáculo, TOKIO3. A compañía galega ofrece nesta montaxe tratral unha fábula sobre o paraíso. Despois de "Periferia" e "Super8", Voadora pecha a súa triloxía "Lugares comúns".
Tokio, cidade atrapada entre o mar en a montaña esgotou o espazo vertical (rañaceos) e continuo a medrar cara abaixo. Esta nova cidade interior chamase Tokio3. Alí, nun teatro que ten o poder de suspender o tempo, retirar ao público do espazo cotiá e facelo illa, conviven seis actores que nos sorprenden cunha versión moi persoal da Divina Comedia de Dante Alighieri. TOKIO3 fala de reinventarse, dos nosos soños, do amor e da esperanza.Conviven nesta historia un home que voa en á delta, unha muller que nunca estivo no Xapón, un home apóstata, unha muller que quere un home que lle faga rir e un arlequín, con feras, monstros e samurais. Os actores van transformando o espazo escénico creando pequenos escenarios cos seus paraísos persoais cunha estética inspirada nos anos cincuenta, considerados a idade de oro do futurismo americano, e no teatro do XVIII para crear un mundo de fábula con aires nipóns. E a música, cunha banda sonora en vivo, nárranos a historia cunha linguaxe musical, fundindo escenas musicais e teatrais como acontece no cine clásico.
Voadora nace como compañía de teatro en 2007. Os seus traballos de investigación en creación contemporánea, caracterízanse por un importante compoñente musical, estético, sorpresivo e evocador. Voadora son Hugo Torres, Marta Pazos e Jose Díaz.As funcións de TOKIO3 serán o venres 18 e o sábado 19 ás 21.00 horas. Ademais, o venres haberá unha función escolar a partires das 11.00 horas. As entradas teñen un prezo de 10 euros e están á venda na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas.