Este sábado, 17 de novembro, cúmprense o centenario do nacemento dos scouts en Galicia. Segundo sinalaba en Radio Obradoiro o coordinador de programas educativos, estamos a falar "dun movemento educativo que o que persegue é educar ós rapaces nunha serie de valores cívicos positivos". Son tres os piares que segundo Prisco Marcos rexen este movemento: "a coeducación, a igualdade e a asunción de responsabilidades".
A día de hoxe, en Galicia, forman parte dos scouts "500 persoas entre rapaces e traballadores voluntarios. A eles habería que engadirlles outros colaboradores como son os propios pais destes rapaces". Prisco Marcos explicaba que o seu traballo lévase a cabo "en paralelo ó calendario escolar". Deste xeito, as actividades desenvólvense as fins de semana, e nas vacacións de Nadal, Semana Santa e verán. É durante o período estival cando son máis habituais os campamentos, "buscando o contacto coa natureza".
Prisco Marcos ten agora 31 anos e entrou nos scouts cando tiña 9, concretamente "no grupo de Santiago". Foi probar, e gustoulle. Para el, o scout "é unha persoa comprometida, cun forte sentimento do voluntariado, e con anhelo de servir, de botar unha man".
Explica que malia que tiñan varias cousas preparadas para celebrar esta efeméride, "a convocatoria adiantada de eleccións alterou algunhas das actividades en marcha".