
Foron reiteradas construcións, derrubas e reconstrucións sobre a tumba do Apóstolo. Foron a Catedral, o Camiño e o peregrino vistos a través da imaxe en 4D e dunha música épica e solemne. Foi unha visión saturada e trepidante, recreada na fachada con deleite e expectativa, porque alí pasaron moitas cousas asombrosas. Foron fantasía e maxia e emoción desde o primeiro momento, cando as torres da basílica empezaron a xirar ante os ollos atónitos dun xentío que ateigaba a praza do Obradoiro. E de contado a Catedral empezou a amosar, nas súas entrañas, eixes, rodamentos, engranaxes e grandes mecanismos de madeira rinchante. Unha catedral en construción, moi viva e chea de sorpresas.
O espectáculo audiovisual elaborado un ano máis pola empresa General de Producciones y Diseño (GPD), deu moito e irmandouse coa pirotecnia. Ao pouco de empezar, sobre as 23:35 da noite, sucederon as primeiras explosións. Con elas a Catedral rompeu en mil anacos e caeu. Derrubouse. Foi incrible. Desapareceu e volveu aparecer. Foi un momento brillante. Deslumbrante. Reapareceu despois e había no algo luminoso no centro que ben podería ser un corazón que parecía latexar. Agromaron árbores e medrou de contado unha frondosa vexetación. O misterio estendeuse polo Obradoiro.
De súpeto apareceu o narrador, Paio, como descubridor da tumba de Santiago e como iniciador do gran relato compostelán. Paio preguntouse polas motivacións dos peregrinos, e el mesmo contestou: "devoción, esforzo, superación". A catedral rompeu de novo, esta vez como un vidro, e volveu caer. Outro efecto que entusiasma e provoca admiración mentres segue o fío da historia. Paio segue reflexionando sobre outros resortes que nos empuxan ao Camiño: "penitencia, perdón, a satisfacción da chegada".
Entón o son solemne da música deixou paso a outro rexistro menos formal e, sobre o pano pétreo que é a propia Catedral, empezan a edificarse Xerusalén, Roma e Santiago como centros da peregrinaxe. As imaxes transitan rápidas e constrúen nun suspiro as tres grandes metas da cristiandade, para logo asomar os aires de Roncesvalles e das etapas da Ruta. Finalmente, Santiago e Fisterra.
Cabezas de dragóns? Medo e escuridade que, sen embargo, non pode seguir adiante porque morre baixo unha gran luz, baixo as cunchas peregrinas. Sen case respiro, as imaxes mostran entón o interior da basílica que se ve grandioso e hospitalario, e logo aparece o voo maxestoso do botafumeiro. As poderosas imaxes déronlle paso á conclusión de Paio, que é unha pregunta: "E se a motivación principal do Camiño fora unha ilusión, a ilusión de terminalo para volvelo empezar? É esta cuestión o remate do guión e o sinal para que entren a escena aos fogos virtuais.
Apareceu o lume sobre a fachada, que ardía de arriba abaixo, iso si, de xeito virtual. O lume queimaba todos os recunchos e provocaba, sen deixar lugar ao descanso, outro cambio narrativo. Esta vez o lume certo. A noite transfórmase, agora si, en pura pirotecnia. A silueta da Catedral queda debuxada nitidamente detrás da luz cegadora dos fogos de artificio que suben de todos lados e estouran e pintan o ceo santiagués de mil cores. Música épica e música de esperanza, con alma de gaita. Os fogos e a luz, realzados pola música, foron entón os protagonistas absolutos.
O remate foi sobrecolledor, explosivo, sonoro, vibrante. Como o final do Camiño, como a visión da catedral ao final da Ruta, un estourido de cor e de alegría interior. Foron momentos intensos, saturados, emocionantes, como a alma dun peregrino calquera que culmina a súa peripecia despois de tantos obstáculos, esforzos e sacrificios. Final e inicio. Enorme aplauso.
