![]() |
| A conselleira do Mar, Rosa Quintana, segunda pola dereita, na inauguración de Xantar FOTO: ECG |
Onte abriu as súas portas a edición número trece do Salón de Gastronomía e Turismo, Xantar. En Radio Obradoiro, a directora adxunta de Expourense, onde se desenvolve, explicaba que ata o domingo esperan recibir uns 20.000 visitantes, "dos que 17.000 serán comensais".
Nesta edición organizáronse máis de 200 actividades, que deron comezo este xoves coas xornadas técnicas. Segundo Emma González, Xantar "é unha plataforma de promoción do turismo de Galicia a través da gastronomía". Nunha superficie de 18.000 metros cadrados podemos atopar 18 restaurantes coa mellor materia prima de Galicia e doutros lugares de España e Portugal.
González destacou este ano como novidade un paquete "que está a ter moito éxito" para viaxar a Xantar dende Santiago ou A Coruña, por 43 euros e 50 euros, respectivamente. O paquete inclúe billete de ida e volta no AVE, recollida na estación nun autobús lanzadeira, visita ás termas e ó casco histórico, xantar no recinto feiral e participación nas actividades do salón. Para máis información, podedes consultar a web de Xantar.
