102.1 Santiago · 310 R-Cable · 21 TDT
Sábado, 27 de Mayo de 2017
Portada

EN RADIO OBRADOIRO

O Xardín do Pazo de Amarante abrirá ao público a próxima semana

O alcalde de Santiago celebrou o acordo asinado hoxe que permite utilizar este espazo // O concello valora abrir, coa colaboración da USC, os Xardíns de Fonseca // A Operación Pokemon, a depuradora, a supresión da paga de Nadal e a estación intermodal, foron varios dos asuntos abordados na entrevista de Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Ángel Currás, alcalde de Santiago


SANTIAGO. RO  | 28.09.2012 
A- A+

RO
Ángel Currás esta mañá en Radio Obradoiro
FOTO: RO

O alcalde de Santiago visitou os estudios de Radio Obradoiro despois de asinar esta mañá coa conselleira de Facenda o convenio que permitirá abrir ao público o Xardín do Pazo de Amarante, na Algalia de Abaixo. Ángel Currás explicou que "abrirá as portas a próxima semana" e celebrou que o acordo "sexa unha realidade" e que este "espazo único e pouco coñecido" estea xa a disposición dos composteláns.

Currás sinalou que o horario será de 9.00 a 18.30 horas en inverno e de  9.00 a 21.00 horas durante o verán. Apuntou que o concello vaise encargar do mantemento, seguridade e conservación do xardín e que se tentará recuperar a súa fonte, que actualmente está seca.

O alcalde explicou que se está valorando abrir ao público outros espazos do casco histórico, como os xardíns do Pazo de Fonseca, coa colaboración da USC.

OPERACIÓN POKÉMON

O rexedor compostelán referiuse á Operación Pokémon na que foron detidas 23 persoas, entre elas un funcionario do Concello de Santiago e o agora exalcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio. Currás pediu "a presunción de inocencia" para os detidos e manifestou a súa confianza na xustiza. Sobre a renuncia 'a medias' de Gacio, que se mantén como concelleiro, dixo que "el mesmo di que é unha situación transitoria" e que "foi coherente coa súa decisión de dimitir".

SUPRESIÓN DA PAGA EXTRA DE NADAL

No Pleno de onte ratificouse a decisión de que alcalde e concelleiros con dedicación exclusiva e oposición queden sen a paga extra de decembro, que xa se suprimira por decreto ao resto do persoal. Currás destacou que isto "supón un aforro dun millón de euros" e que "é unha decisión lóxica que responde a un acto solidario cara os funcionarios do concello".

Sobre a proposta do BNG de que exista unha compensación á esta supresión, Currás dixo que "existirá nalgún momento, pero agora non é posible abonar con outra vía un millón de euros". 

Currás referiuse tamén á futura estación intermodal de Santiago. Segundo dixo, no seu momento PSOE e BNG non foron quen de resolver "o gran problema da zona que é a mobilidade". Segundo dixo, "agora estamos pedindo que se adxudique o proxecto máis idóneo para a estación do AVE no Hórreo e que unha vez adxudicado, se estableza un diálogo claro entre Xunta, concello e ADIF para resolver os problemas que xurdan".  

CAMBIOS EN RAXOI TRALO 21-O

O alcalde tamén valorou a previsible marcha de Paula Prado tralas eleccións do 21 de outubro, que PSOE e BNG achacan a problemas internos no PP. Currás dixo que "nunca houbo dous bandos no partido. Non hai ningunha polémica nin divisións, pero a oposición interésalle que as haxa para tapar as súas".

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de Radio Obradoiro envíe un e-mail a info@radioobradoiro.com Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies