![]() |
| Tránsito de vehículos pesados pola Avenida Alfonso Senra de Ordes FOTO: Mario Fuentes |
Os veciños de Ordes vense obrigados a padecer diariamente o paso, pola Avenida Alfonso Senra, de numerosos camións que non só ralentizan a circulación, senón que en ocasións supoñen mesmo un perigo polas mercadorías que transportan. Unha situación que quedaría resolta se se rematara a circunvalación, que desviaría todo ese tráfico pesado do centro do concello. Nestes momentos, tal e como confirmaba en Radio Obradoiro o portavoz do PSOE en Ordes, quedan pendentes uns 2 kilómetros dese vial. Segundo Xesús Pedreira, con vontade por parte da Xunta, o asunto podería quedar resolto nun mes. "É un luxo telas cousas así", afirmou.
O problema é que a empresa que está facendo a Ronda Leste decidiu parar as obras á espera de que a Xunta lle pague o que lle adebeda polo xa feito. Pedreira explicou que "hai certificacións feitas e mandadas polo concello por 450.000 euros". Esa é, polo tanto, a cantidade pendente de abono. O concelleiro socialista apuntou ó respecto que logo de que o PSOE levara o tema ó Parlamento galego, a Xunta comprometeuse a afrontar ese pago en abril ou maio deste ano. Por outra banda, Pedreira tamén deixou claro que por parte do concello "hai vontade para abrir esa vía canto antes".
