O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana tres funcións de 0,7% Molotov, a última produción da compañía Teatro de Ningures, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. A peza, que lle valeu ao dramaturgo pontevedrés o Premio Rafael Dieste de Escrita Dramática e pola que figura como finalista aos Premios Max de Artes Escénicas na categoría de Mellor Autor Teatral en Galego e aos María Casares como Mellor Texto Orixinal, poderá verse no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) este venres 16 e sábado 17 ás 20.30 horas; así como o domingo 18 ás 18.00 horas. As entradas para as tres funcións de 0,7% Molotov poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web
http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.